Marilyn Monroe |
Que sexan poucas ou moitos, è necesario sanar
E vendo o mundo rodar dando tumbos de vencido
Dou por perdido o perdido e recollo o que quedou
E co que me queda vou seguindo o meu percorrido
Para seguir camiñando fago noite na esperanza
Apóiome nas lembranzas e aliméntome de sons
E nútrome das cancións que dan cor a esta existencia
Evitando a disidencia dun obrigado vivir
Que me fan chorar e rir, que me instalan na insurxencia
E quero bailar ao ritmo do que vive ilusionado
E coa voz do silenciado cantar quero con paixón
Coa querenza e coa emoción da que non pretende nada
Mais que seguir namorada mentres quede corazón
Aspiro a soñar esperta para facer máis levadeiro
Este treito traizoeiro que garda unha fin incerta
E cantar a gorxa aberta e deseñar utopías
Para encher de luz os días en que o sol non me sorrí
En que non te teño a ti para inspirarme melodías
E así seguirei rimando no medio do bombardeo
Emulando o canso reo reconvertido en poeta
Que ten o fóra por meta e ten o dentro baleiro
Un ollar sempre tristeiro e o pensamento no ar
Onde voa o meu cantar, onde non hai carcereiro
E quero bailar ao ritmo do que vive ilusionado
E coa voz do silenciado cantar quero con paixón
Coa querenza e coa emoción da que non pretende nada
Mais que seguir namorada mentres quede corazón
Invocando a redención neste recuncho do mundo
Faise o meu cantar profundo como a terra en ultramar
Coro faise o meu cantar ao saberme secundada
Aínda sendo abandeirada dos que as levan de perder
Por vose que eu hei morrer sentíndome acompañada
E na liberdade áurea do melódico elemento
Baila a risa co lamento e o cego co soñador
O paria co gañador e o rebelde co castrado
Que, co sentir mutilado, ignora aquilo que eu sei
Por el é que eu berrarei para velo liberado
E coa voz do silenciado cantar quero con paixón
Coa querenza e coa emoción da que non pretende nada
Mais que seguir namorada mentres quede corazón