Con aire fresco de mar
Curo feridas e loitos
Que sexan poucas ou moitos
É necesario sanar
E vendo o mundo rodar
Dando tumbos de vencido
Dou por perdido o perdido
E recollo o que quedou
E co que me queda vou
Seguindo o meu percorrido
Para seguir camiñando
Apóiome nas lembranzas
E aliméntome de sons
E nútrome das cancións
Que dan cor a esta existencia
Evitando a disidencia
Dun obrigado vivir
Que me fan chorar e rir
Que me instalan na insurxencia
E quero bailar ao ritmo
Do que vive ilusionado
E coa voz do silenciado
Cantar quero con paixón
Coa querenza e coa emoción
Da que non pretende nada
Máis que seguir namorada
Mentres quede corazón
Aspiro a soñar esperta
Para facer máis levadeiro
Este treito traizoeiro
que garda unha fin incerta
e cantar a gorxa aberta
e deseñar utopías
para encher de luz os días
en que o sol non me sorrí
en que non te teño a ti
para inspirarme melodías
E así seguirei rimando
No medio do bombardeo
Emulando o canso reo
Reconvertido en poeta
Que ten o fóra por meta
E ten o dentro baleiro
Un ollar sempre tristeiro
E o pensamento no ar
Onde voa o meu cantar
Onde non hai carcereiro
Invocando a redención
Neste recuncho do mundo
Faise o meu cantar profundo
Como a terra en ultramar
Coro faise o meu cantar
Ao saberme secundada
Aínda sendo abandeirada
Dos que as levan de perder
É por eles que hei morrer
Sentíndome acompañada
E na liberdade áurea
Do melódico elemento
Baila a risa co lamento
E o cego co soñador
O paria co gañador
e o rebelde co castrado
que, co sentir mutilado,
ignora aquilo que eu sei
por el é que eu berrarei
para velo liberado.